Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia destina 10.822,20€ para o pago de material médico para a investigación contra o cancro en Galicia. Así se acordou nunha reunión celebrada onte entre os membros do Padroado Reitor de Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia, Paula Chapela Bamio, Miguel Villar Costoyas e Ramiro Varela Cives en Lamela- Silleda- co Xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e Director de ONCOMET, Rafael López López.
Esta doazón foi recadada no Trofeo Benéfico Manolo Martín
disputado entre o Real Madrid Castilla e o Pontevedra C.F o pasado mes de agosto en Portonovo en favor do Banco Médico Farmacéutico de Galicia; e na Lotería de Nadal. Ramiro Carregal, Presidente de Honra da entidade, tamén colaborou na aportación; que non puido ser entregada con anterioridade con motivo da crise sanitaria do COVID-19 e os Estados de Alarma decretados polo Goberno de España.
Deste xeito, a entidade destinará os 10.822,20€ ao pago de funxibles e sondas para estudar o DNA no plasma dos pacientes coa técnica da biopsia líquida en Santiago de Compostela;
un material necesario no estudo oncolóxico que tal e como asegurou Rafael López na reunión, supón un gasto de máis de 40.000€ ao ano.
Rafael López dirixe a Unidade de Biopsia Líquida de ONCOMET no Hospital de Santiago de Compostela. A Biopsia Líquida é unha técnica que se basea no estudo de material celular e xenético tumoral presente en distintos fluídos biolóxicos, principalmente sangue, o que representa grandes vantaxes respecto ao convencional de análises de tecidos, porque se pode repetir cantas veces faga falta cunhas molestias mínimas para o doente e uns custes moito menores. O principal valor estriba en que simplemente cunha análise de sangue, unha mostra totalmente accesible, os oncólogos poden saber a que tipo de tumor se ten que enfrontar, estudar os mecanismos que interveñen na progresión tumoral, as recaídas despois dos tratamentos ou a resposta aos fármacos, posibilitando así que se poida elaborar un tratamento máis efectivo, máis personalizado para cada doente e para cada momento da doenza.
Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galica continuará colaborando na investigación contra o cancro en Galicia, cunha aposta firme por contar cunha investigación oncolóxica de vangarda na nosa Comunidade Autónoma.
Para iso, a entidade estará máis implicada na obtención de recursos para adquirir material de investigación oncolóxica para Galicia. Un deles é o programa NovaSeq, que permite a detección precoz do cancro, a personalización do tratamento, o seguimento da evolución da enfermidade e a detección precoz das recaídas.
Desde a Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia somos conscientes do avance que está vivindo a investigación oncolóxica, pero temos que continuar colaborando e concienciando á sociedade da importancia de dotar á sanidade galega dos medios necesarios para loitar contra o cancro.